Segundo meu avó, el e miña avoa emigraron cara a Inglaterra, en concreto a Monmouth, Gales, na procura de diñeiro suficiente para pagar un piso que querían mercar no ano 1972. Partiron desde A Coruña ata Francia en tren, e desde alí ata Países Baixos, en concreto ata Gravelinas.
Desde alí colleron un barco cara a Dover, situado xa en Inglaterra. Esta viaxe durou moito tempo, aproximadamente sobre catro meses, xa que meus avós só sabían o destino ao que tiñan que chegar e descoñecían a ruta que tiñan que tomar, así como onde tiñan que estacionar e que vehículo tiñan que usar en cada lugar.
Alí, xa en Dover, os estaban esperando uns empregados do hotel ao que se dirixían, que se convertería no seu aloxamento e lugar de traballo un tempo máis tarde. Estes trasladáronos en coche ata o seu aloxamento. Neste hotel, chamado The Kings Head Hotel, meu avó traballou como camareiro no restaurante, mentres que miña avoa comezou facendo as camas das habitacións e, máis tarde, continuou co oficio de camareira no restaurante do hotel. Ademais disto, tamén coidaban os fillos dos xefes cando estes non estaban.
Como non sabían o idioma, compraron un dicionario inglés-castelán que lles serviu para empezar a entenderse cos ingleses, e máis tarde practicaron a diario esta lingua ao falaren cos clientes e empregados do hotel; pero, como era moi habitual, sabían falar inglés moi ben, pero non escribilo ou escribir moi poucas palabras. Alí, en Gales, meu avó conseguiu obter a licenza para conducir un automóbil e tamén mercou un destes vehículos modernos co diñeiro que obtivera traballando.
Volveron á Coruña catro anos máis tarde, no ano 1976, cando xa reuniran máis do diñeiro suficiente para pagar o piso que sería a súa nova vivenda a partir dese momento. Esta viaxe realizárona xa en avión porque dispoñían dos medios suficientes e xa estaba máis normalizado o uso deste medio de transporte aéreo.
Ese mesmo verán miña nai foi traballar durante uns catro meses a este mesmo hotel, grazas á boa impresión que deixaron meus avós, xa que recomendaron a súa filla aos xefes do hotel e estes aceptaron polo mencionado anteriormente.