María traballaba na Coruña como xastra, mais aos 22 anos marchou co seu home para Inglaterra, onde foi cun contrato de traballo de camareira. Tivo que deixar os seus fillos de nove meses e tres anos ao coidado da avoa. Ao chegar comezou como axudante de cociña por tres libras á semana. Neses primeiros momentos foron mudando de emprego con relativa frecuencia. Durante a estadía en Londres traballaban por separado, María nun hotel de bed&breakfast e Isidro, o seu marido, como camareiro nun restaurante.

Ao pouco tempo trasladáronse ata Brístol, onde conseguiran ocuparse no Gran Hotel e no Gran Spa, dous complexos da mesma cadea, mais debían vivir de alugueiro pois o hotel non lles proporcionaba habitación. Malia todo, eran quen de aforrar máis da metade do que gañaban para envialo a España. No ano 62 o seu irmán foi a Inglaterra para dedicarse tamén á hostalería e poucos meses despois de ir el, lograron tamén levar os rapaces xunta eles. Isto motivou que María tivese que deixar o traballo para coidalos, aínda que non supuxo para ela un problema, seguía contribuíndo á economía familiar facendo algunhas encargas desde a casa. Un xastre coñecido enviáballe tarefas de costura e, ademais, servía ceas nun hospital para o persoal médico.

Pouco despois súa nai uniuse tamén a eles en Inglaterra, así que xa os nenos tiñan con quen quedar mentres non tiñan idade escolar, con que María volveu ao posto como camareira de piso no Hotel Spa. Pola mañá servía os almorzos e logo encargábase de organizar e contar as pezas que pasaban para lavar.

Pasado un tempo, unha amiga convenceuna de mudar de oficio para unha fábrica de chocolate onde seica se gañaban máis cartos, non obstante traballábase a eito. Facía moitas horas, desde a entrada ás catro da mañá, polo que o deixou logo dun mes para volver ao labor no hotel.

No ano 1970 xurdiulles a oportunidade de volver a Galicia para traballar no Hotel Sancrisa da Coruña, e non o pensaron, mais ao chegaren quedaron amolados pois tardaron moito en contratalos. Así que Isidro debeu volver marchar, desta vez cara a Gales. Ela quedou na cidade herculina ata que aos quince días de marchar o marido, chamouna para contarlle que xa lle conseguira un contrato no hotel King’s Head, onde estivo ata o ano 1971.

Cando volveron á Coruña de forma definitiva, María quería seguir en activo e foi falar co xastre co que xa traballara de solteira para que lle fixera encargas. Deste xeito, puido seguir traballando comodamente desde a casa. O retorno resultoulle máis levadío a ela cá Isidro.