Emilio viviu na súa vila natal de Zamora ata os oito anos. Con esa idade os seus pais enviárono interno, e ata os quince anos estivo en varios colexios por todo o territorio español. Cando regresou á casa, estivo durante dous anos traballando da mañá á noite para un terratenente por 50 pesetas ao día mais a comida. Foi entón cando Emilio decidiu ir para Suíza co soño de gañar o diñeiro suficiente para poder volver, mercar unha moto e montar unha peixaría. Os seus pais non podían axudarlle a cumprir os seus proxectos así que, con dezasete anos e sen papeis, decidiu emigrar para poder conseguir o diñeiro.

Cando chegou a Suíza despois dunha longa viaxe en tren, comezaron os verdadeiros nervios: había que cruzar a fronteira e sen papeis. Emilio di que a sorte se lle puxo de cara, pois na fronteira non lle pediron ningún documento. Tras un mes en Suíza conseguiu emprego nunha empresa de comunicacións, onde estivo tres anos, e posteriormente comezou a traballar nos trens internacionais como stewart (a persoa encargada de pasar o carriño vendendo café, bocadillos, bebidas...). Grazas e este emprego estivo durante dous anos percorrendo toda Europa oriental, e así cumpriu unha das súas aspiracións na vida, viaxar. Despois cambiou para unha fábrica química onde desempeñou postos de responsabilidade, xa que daquela falaba alemán, francés, italiano e español. Nesa empresa traballou corenta anos da súa vida ata que se prexubilou con sesenta e dous anos.

A vida no país ao principio foi difícil pola barreira do idioma. Emilio conta que a xuventude xogou ao seu favor, e fai fincapé na enorme diferenza social que existía entre España e Suíza, unha Suíza libre que o fixo sentir moi a gusto. Alí levou unha vida feliz entre o traballo, a casa, o deporte, a familia, os nenos... Pese a facer alí a súa propia familia, Emilio visitaba os seus pais unha vez ao ano. O retorno definitivo, confesa, foi moi traumático. Emilio non pensaba volver, xa que alí estaba integrado 100 % e cun futuro por diante unha vez xubilado, mais a súa muller, sempre quixo vir vivir a España os seus últimos anos. Para Emilio a súa chegada aquí foi unha xerra de auga fría e pasouno realmente mal. Custoulle adaptarse de novo á vida, á xente, o horario, ás comidas... Na actualidade está contento en España, a pesar de que a veces sente nostalxia de Suíza: o tranvía, o funcionamento dos transportes públicos, a neve en inverno, o olor a viño con mel e queixo fundido, as casetas do Nadal... Pese a todo, valora a súa experiencia na emigración como moi positiva. Considera que lle axudou a se desenvolver como persoa e medrar de outra maneira que quizais aquí non sería posible.