Aínda que Antonio traballaba como taxista, aos vinte e nove anos decidiu marchar a Inglaterra para mellorar economicamente. Chegou a Londres en 1963 sen saber nada de inglés e como el mesmo di, «sabendo ler, escribir e pouco máis». Porén, a inmersión lingüística no país foille bastante doada, axiña se soltou co idioma ao comezar a traballar e botar horas a diario con ingleses.

Fixo todo tipo de traballos na hostalería, na limpeza de hoteis, como axudante de cociña, de panadeiro… Ninguén lle ensinou ningún dos oficios, mais foi aprendendo a forza de se fixar nos demais; así foi escalando até chegar a cociñeiro.

Ao ano de chegaren a Londres tiveron unha nena. Con este motivo, a muller viaxou de novo a Galicia coa pequena para deixala ao coidado dos avós, como facían tantas outras familias; botou seis meses e volveu a Inglaterra para seguir traballando de camareira.

A súa vida na emigración estivo consagrada ao traballo sen descanso, os días que tiña libres no hotel aproveitábaos para traballar na cociña doutro restaurante. O seu obxectivo era aforrar diñeiro para volver axiña e montar un bar na Coruña, aínda que os seus plans non chegaron a termo. Acabaron botando no Reino Unido dez anos, e ao retornar no ano 73 pasou a ser xefe de cociña na mariña mercante en varios barcos, co cal seguiu percorrendo mundo.

Na cuberta do barco que transportaba 6000 coches desde O Xapón a Europa e desde Europa ao Golfo Pérsico, co capitán do barco e a súa muller
No barco en que deu a volta ao mundo catro veces entrando por Panamá e saíndo polo Canal de Suez
Foto 3
No comedor do barco preparando o buffet o día de Noiteboa
Nunha escala en Taiwan
No restaurante de Bauznemouth en Inglaterra de xefe de cociña co equipo de axudantes