Pilar naceu na Coruña no seo dunha familia acomodada; era a terceira de sete irmáns e estudou o bacharelato elemental nun colexio de relixiosas. Ao rematar tivo a oportunidade de estudar e traballar facendo prácticas no hospital do doutor Larrea ata os 18 anos.
Logo dunha serie de contratempos económicos a situación familiar deu un xiro que lle influíu negativamente. A imposibilidade de costear os estudos dos sete fillos obrigou a nai tomar a determinación de «ou todos ou ningún». O soldo de Pilar, de cincocentas pesetas, non lle permitía costear os estudos porque entregaba na casa a metade. Ao ver que malia esta achega económica continuaba a ser unha carga, tras moita reflexión tomou a decisión de marchar a Francia, xa que coñecía moitas persoas que foran alá e contaban que se gañaba máis.
Daquela, a maioría de idade acadábase cos vinte e un anos, polo que Pilar, que aínda tiña dezaoito, precisaba dunha autorización paterna tanto para marchar como para abrir unha conta bancaria. O seu pai, que era unha persoa cunha mentalidade aberta e adiantada ao seu tempo, pensou de primeiras que estaba chanceando, mais cando viu que se trataba de algo meditado tan só puxo como condición que o país de destino fose Alemaña, xa que en Francia «había moita libertinaxe e en Alemaña son moi respectuosos coas mulleres». Pilar sabía que había razón naquelas palabras porque a súa propia avoa era alemá.
Nas oficinas de emigración Pilar figuraba como estudante, polo que lle procuraron unha residencia e un contrato nunha fábrica do sector téxtil de fiados, onde chegou sen ningún coñecemento do idioma. Malia todo non tivo ningunha dificultade, foi recibida por un intérprete que lle explicou as tarefas que tiña encomendadas. Cada persoa tiña ao seu cargo unha máquina con 12, 14 ou 16 carretes e había que controlar permanentemente o seu bo funcionamento.
O intérprete preguntáralle se se vía capacitada e fixéranlle unha proba para ver que todo marchaba de xeito óptimo. Compartía a habitación da residencia en que vivía con dúas rapazas españolas coas que axiña tivo moi boa relación. Recibían clases dunha profesora de español que, ademais, tamén lles ía ensinando algo de alemán. Axiña atopou amizades alemás que lle serviron para poder afondar na aprendizaxe do idioma teutón.
O contacto coa familia era sempre por carta, ao pouco de marchar escribía á casa unha vez ao mes e, así como foi pasando o tempo, con moita menos frecuencia. Foi en Alemaña que Pilar comezou a ser consciente do valor do diñeiro; enviaba á casa cincuenta marcos (arredor dunhas 8.500 pesetas ao cambio) que, para a época, era unha cantidade importante, mais antes de o primeiro ano rematar, tivo que dedicar aquela parte aos seus propios gastos.
Logo duns meses, xa con dezanove anos, mudou de cidade, sen saír de Alemaña, cara a unha localidade máis grande e con máis centros comerciais onde podería gañar máis cartos. Nese momento, aínda sendo menor de idade, xa non precisou do permiso paterno para o traslado. Era quen de falar con certa soltura o alemán, algo de grego e, na nova cidade, axiña aprendeu tamén algo de italiano.
Logo da mudanza comezou a traballar nunha fábrica cun posto que tiña responsabilidade abondo, xa que debía comprobar que as tulipas dos coches non tivesen defectos. Aínda que o traballo lle gustaba e estaba moi centrada nel, antes de que acabase o primeiro ano, decidiu marchar a unha nova vila, Viernheim, no consulado de Frankfurt, grazas a unha oferta de traballo que atopara unha das súas compañeiras.
Cando chegaron ao destino non daban atopado o enderezo que procuraban, mais axiña recibiron a atenta axuda dun rapaz andaluz que saía dunha cafetería e lles indicou onde estaba. Atoparon habitación na casa dun señor maior, chatarreiro de profesión, que non reunía as condicións mínimas. Podían cociñar nunha habitación contigua á súa e para ir ao baño debían ir ata un patio na planta baixa, polo que decidiron mercar un barreño para poder bañarse. Na nova fábrica había un departamento de enfermería onde lle ofreceron quedar en canto viron a formación que figuraba no seu currículo, non obstante ela dixo que prefería outro tipo de tarefas. Desa terceira etapa na emigración o mellor foi a situación económica e, sen dúbida, o peor, as condicións daquela vivenda que atoparan.
Logo duns meses foi coñecendo o amable rapaz andaluz que as axudara na súa chegada e comezou unha relación con el ata que, seguindo o consello do seu pai «non mires a súa posición social, senón que sexa un home honrado e traballador», Pilar tivo propostas de matrimonio ata o mesmo día da voda, pero rexeitounas todas.
No ano 73, transcorridos once desde que decidira marchar da Coruña, e logo de dedicar boa parte daquel tempo á familia e á crianza dos fillos, Alemaña comezou a sufrir unha crise económica que tivo como consecuencia rexeitar os estranxeiros pola escaseza de postos de traballo. En canto a empresa lle deu a opción de volver a España para a apertura dunha nova fábrica en Cataluña, decidiron aproveitar a oportunidade. Hoxe en día Pilar percibe unha pensión vitalicia de Alemaña porque os seus fillos naceron e medraron alá.
Pilar nunca se arrepentiu do seu paso pola emigración, o tempo que pasou foi moi grato e tivo moi boa relación cos alemáns, tanto é así que aínda a día de hoxe mantén o contacto con moitas das persoas que coñeceu durante aqueles anos.