Ángela marchou a Suíza con vinte e un anos, en decembro de 1977, por amor. No verán de 1976 coñeceu o seu home, que xa vivía en Xenebra, durante unhas vacacións del en Monforte. Un ano despois, casaron e marcharon xuntos para Suíza.
Durante os primeiros anos no país Ángela non traballou, xa que o matrimonio tiña un bebé ao ela se encargaba de coidar. Foron eses primeiros anos os máis difíciles, non coñecía o idioma e non se integraba na vida do país.
A historia de Ángela é unha historia de superación. Ela estudara en España un ciclo de formación profesional de Administrativo, e tan pronto puido comezou a estudar francés para poder acceder a un bo traballo. Ao mesmo tempo foise formando en outros eidos, e cando considerou que estaba preparada conseguiu un emprego nun dos mellores bancos de Suíza. Traballou alí durante vinte e catro anos, sempre en continua reciclaxe e formación. Para Ángela eses foron os mellores anos da súa vida.
A relación de Ángela con outras persoas emigrantes foi nula, a excepción daquelas con quen traballaba, xa que nunca asistía aos centros sociais de galegos que había en Xenebra. A súa vida consistía en atender o seu emprego, a súa filla e o seu home, e en formarse continuamente para mellorar no seu traballo. De feito, conta que o banco en que traballaba tiña espazos de lecer para os empregados, cafetarías, ximnasios etc. aos que nunca acudía.
A relación coa familia que vivía en Galicia era complicada debido aos poucos medios de comunicación que había por aquel entón aquí. Na Pobra do Brollón, onde vivía súa nai, só había unha cabina telefónica en todo a vila, e tiñan que quedar para falaren dunha chamada para a seguinte. Se a comunicación fallaba ou se interrompía, era moi dificultoso volveren falar.
O seu regreso a Galicia tivo lugar en 2005. Ao igual que marchou por amor, retornou tamén por amor, xa que a súa nai e a súa tía, ambas maiores, precisaban dos seus coidados. Vivían as dúas soas e non querían ninguén na casa que as axudase, e Ángela non podía levar as dúas para Suíza, así que, con toda a dor do seu corazón, tivo que abandonar o traballo para coidar as súas familiares.
Ángela garda un gran recordo dos seus anos en Suíza, un país que lle deu moitas oportunidades laborais, aínda que con moito esforzo e formación.