Carmen saíu de España o 11 de novembro de 1967. Naquel ano, ela recórdase como una moza casada e nai cun montón de ilusións, entre elas chegar a ser algo na vida. Aínda que o seu home tiña traballo, ambos tomaron a decisión de emigrar cunha única motivación: poder darlle ao seu fillo os estudos que eles non tiveron.
Porén, Carmen conta o difícil que foi esa decisión: «non se pode explicar con palabras o que o corazón sente ao ter que se separar dun neno de tres anos. É unha dor tan grande que non hai diñeiro que o pague, mais, como dicía miña nai, non hai nada neste mundo que o corpo non aguante». O seu home marchou a Canadá cun contrato de traballo, e aos oito meses reclamouna a ela. Aí comezou a súa vida como emigrante. Colleu un avión en Madrid e, tras dez horas de voo, chegou a Montreal, onde o seu home a esperaba emocionado e desexando recibir novas do seu fillo.
En Montreal aloxábanse nunha pensión onde lle tiñan preparada unha festa de benvida, e a Carmen resultoulle moi grato ver tan boa acollida. Ao día seguinte, ao espertar, asomouse á ventá e descubriu asombrada unha gran avenida repleta de coches. Montreal era unha cidade bonita e moi moderna, con metro, túneles subterráneos e tendas de todo tipo. Cando comezou a nevar, a todo semellaba unha postal de Nadal, mais, co tempo, cansouse de ver tanta neve.
Unha semana despois, Carmen dirixiuse ao consulado para buscar información e conseguir un traballo. Alí recibiuna un señor moi amable, e ela non puido evitar botarse a chorar, pois precisaba ocupar o seu tempo e non pensar no fillo que deixara en España. Ao día seguinte xa tiña emprego nun taller de confección de sombreiros. Tratábase dun traballo delicado e lento, onde se utilizaban plumas de marabú. Carmen quería cambiar de traballo e, mediante unha amiga india, conseguiu unha entrevista no hospital St. Mary.
Colaboradores
Carmen Villar Ares
- País de destino: Canada
- Ano emigración: 1967
- Ano de retorno: 1972