María José naceu en 1954 e cando tiña dous anos emigrou a Brasil cos seus pais e cun irmán de 5 anos. Toda a familia pola parte da súa nai xa estaba alí, e tamén marcharon coa motivación de mellorar o seu nivel de vida. A súa nai era ama de casa e o seu pai garda civil, que era unha profesión que daquela estaba mal pagada.

Partiron en barco, nunha longa viaxe nun vapor chamado "El Alcántara", que nun principio fora un buque de luxo que finalmente se destinaba ao transporte de emigrantes. Os camarotes nos que viaxaban eran dous moi grandes, un para mulleres e outro para homes. En total tardaron 13 días en chegar e fixeron escalas en Lisboa, na illa de Madeira, Salvador de Bahía, Río de Janeiro e Santos.

Cando chegaron, o seu avó e un tío deulles a benvida, e leváronos a vivir coa súa avoa e unha tía a Bauru. Ao principio o seu pai comezou a traballar do que puido, pero sobreviviron coa axuda da familia.
María José di que aquel era un bo momento para os empresarios con capital pero non para os traballadores, que xa daquela había nenos que nacían, vivían e morrían na rúa.

O seu avó tiña unha plantación de café e despois de 8 anos foron vivir a Santos. Primeiro o pai e o irmán foron traballar a un hotel no que vivían, e máis tarde uníronse a eles a nai e María José.

Na escola aprendeu portugués e interactuou con nenos brasileiros, xaponeses e polacos. A súa integración foi moi boa, e lembra que a xente era moi aberta e sentábase a falar nos bancos de diante das súas casas. En 1968 recibiron unha carta escrita polo cura da vila na que lles pedía que regresasen, en nome da súa avoa materna.

Como o pai de María José aínda non se adaptara á vida en Brasil, decidiu volver e toda a familia con el. O regreso foi moi difícil ao principio porque estaba cómoda no outro país e ao retornar sentíase como unha estraña en Galicia. Finalmente atopou traballo nunha fábrica e 10 anos despois quedou no paro, o que a motivou a prepararse para os oposicións cos que conseguiu praza no Colexio Príncipe Felipe. Ela continuou estudando e sacou o graduado escolar e estudou puericultura.

Coa súa avoa, a súa nai e o seu irmán no ano 1958
Co seu primo Carlitos
Sempre foi rebelde