Constante, que naceu en Pontevedra, coñecía a emigración interior antes de marchar a Bélxica xa que traballaba como vixiante nas minas de ferro de San Miguel, en Ponferrada, onde vivía con Rosa, a súa dona que era natural de Bembibre (León).

Aínda que se sentía a gusto, a comezos do ano 63, cando o seu primeiro fillo tiña só cinco meses, a familia animouno a partir cara a Bélxica para acadar mellores condicións laborais. Daquela había moitos galegos por toda Europa. Os irmáns da súa dona asentáranse en Alemaña, de modo que coñecía de forma directa o que era a experiencia de partir. A súa primeira oportunidade foi, de novo, como vixiante nas minas de hulla, preto da vila de Charleroi na rexión da Valonia. Destinárono á sección de conservación, na que debía controlar que todo estivese baixo control facendo roldas para a seguridade da mina e os seus traballadores ao longo dunha xornada de oito horas. A idea de Constante, que marchou co contrato asegurado, era ver como ían as cousas e levar con el a muller e o neno en canto tivese oportunidade.

Comezou vivindo con varios compañeiros nunha pensión en Charleroi, a maior cidade da rexión, mais xa nos primeiros meses logrou traer a súa familia, polo que deberon mudarse a un pequeno piso. Tiveron que se endebedar para poder acceder á vivenda de alugueiro. En apenas dous meses, e grazas a unha admirable xestión do aforro, sorprenderon os seus caseiros cancelando aquela obriga económica adquirida. Na rexión belga pasaron tan só un ano, a Rosa non lle gustaba nada que o seu home traballara na mina, xa que a posibilidade de cambiar de profesión fora un dos motivos polos que o animara a marchar.

Esta opción chegou a través da irmá de Rosa, que vivía en Hagen, no oeste de Alemaña, onde Constante entrou nunha fábrica de Cristal, Kim Glass, na que debeu aprender o oficio de peón desde cero. Axiña ascendeu de categoría e conseguiu traballar na quenda de noite, o que lle permitía compatibilizar o horario coa súa muller, que comezara a traballar nun hospital, e así atender os pequenos. Ademais do primoxénito, que nacera en España, mentres estiveron en Hagen tiveron outro neno e unha nena moi seguidos, ao que había que sumar un sobriño da idade do maior. A casa pasou en pouco tempo a estar chea de cativos, polo que a conciliación era un tema fundamental. Por iso, no momento en que a empresa cristaleira anunciou que pretendían eliminar o horario da noite, decidiu marchar cara a unha fábrica do sector téxtil, onde xa traballaba o irmán de Rosa e que lle permitía manter a quenda nocturna.

As súas xornadas eran agora menos duras, acostumado á actividade con materiais coma o ferro, a hulla ou o cristal, a vixilancia do proceso de produción e o control da maquinaria de fiado de teas e nobelos resultáballe máis levadeira. Tamén aquí, como lle acontecera en Kim Glass, había moitos traballadores españois e italianos. Non obstante, a familia estableceu unha boa amizade cuns veciños alemáns que os axudaron en todo o que precisaron, desde os trámites ata darlles roupa.

Na súa estancia na cidade alemá sentíronse moi cómodos, tiñan todos os servizos de man e as condicións laborais eran mellores cás de Bélxica, polo que gardan un gran recordo do tempo que pasaron alí. Foron cinco anos en total, nos que viñeron en dúas ocasións a España a visitar a familia aproveitando as vacacións.

Aínda que Rosa estaba moi ben valorada no hospital onde traballaba, o cambio nas condicións de Constante, que non vía o seu posto moi seguro, fixo que decidirán retornar no ano 69. Rosa tiña un parente que traballaba como redactor no Faro de Vigo e que se encargou de procurarlle cursos de especialización. Grazas aos coñecementos que adquiriu en electricidade puido formar parte do cadro de persoal de Crolls mentres Rosa coidaba dos tres nenos na casa paterna en Bembibre (León). Logo puido traer a familia á cidade na que naceron os seus dous fillos pequenos e onde, aínda que viviron uns anos en Pontevedra, se asentaron definitivamente na súa vivenda xunto ao cine Plata.

Constante nunca volveu a Bélxica nin a Alemaña, mais si recibiu a visita dos sobriños dos seus amigos alemáns, proba da magnífica relación que estableceran.