A historia de Aníbal fóra de Galicia comeza con trinta e seis anos de idade e prolóngase ata a súa xubilación. Natural de Marín, importante porto pesqueiro galego, a súa vida sempre estivo ligada ao mar. Toda a súa carreira profesional tivo lugar neste sector, o que o levou a se establecer longas tempadas no estranxeiro: Cidade do Cabo, Namibia, Mozambique, Angola, Asturias, Islas Mauricio, A India ou O Uruguai foron algúns dos seus destinos.
Aníbal conta con numerosas anécdotas das súas viaxes e estancias: En 1972 trasládase á Cidade do Cabo como inspector de Pescapuerta, e navegando con esta empresa inaugurou o primeiro barco conxelador galego. Estivo catro anos embarcado, e despois con destinos en terra en diferentes países. No Uruguai, onde mantén grandes amigos, foi convidado pola delegación galega a unha cea baile; cruzou en dúas ocasións o Canal de Suez, e viviu unha longa tempada na India; en Alexandría asistiu a unha misa católica onde puido coñecer o bispo, con quen tivo longas conversas; e pasou unha tempada nas Malvinas xusto despois de finalizase a guerra entre a Arxentina e o Reino Unido e Irlanda do Norte (xuño de 1982), polo que foi testemuña dun momento de gran tensión social e de bloqueo económico. Anibal conta como foron recibidos polo comandante inglés á súa chegada á Illa Ascensión, e como os previu sobre as minas que os arxentinos colocaran nas praias e noutros lugares, polo que tiñan que ter moitas precaucións de seguridade.
A súa familia, cando as circunstancias o permitían, desprazábase con el por tempadas de ata tres ou catro meses, para que as estancias no estranxeiro non fosen tan duras a nivel familiar. No seu vogar polo mundo, Aníbal tivo a oportunidade de coñecer moita xente, e sempre estableceu contactos coas colonias de galegos establecidas polo mundo. Para Anibal, a súa integración foi sempre boa pese a todas as diferenzas sociais e culturais entre uns países e outros.