Virgilio provén dunha asentada familia de Luarca (Asturias). O seu pai era alcalde e vivían nunha casa grande e cunha importante extensión de terreo agrario, polo que alí non lle faltaba o traballo. Nesa época Asturias era zona de acollida de emigrantes, un lugar de destino para moitos galegos, sobre todo de Lugo, pola facilidade para encontrar traballo sobre todo no sector primario e na minaría. Os pais de Virgilio tiñan unha grande sensibilidade social. O seu pai estivera en Cuba vivindo a experiencia da emigración en primeira persoa, e a súa nai era unha muller moi caritativa. A casa de Virgilio sempre estivo chea de vida: el é o menor de nove irmáns, e ademais os seus pais axudaban a persoas que carecían de recursos, como emigrantes retornados ou campesiños necesitados. Da súa etapa en Luarca lembra con precisión un bohemio de México que foi atendido na súa casa e que lle dixo «a onde queira que vaias e te queiran, debes querer».
Con vinte e cinco anos Virgilio sentiu a necesidade de coñecer mundo, quizais debido a todas as historias que oíra de pequeno, e tamén porque non quería traballar na agricultura. Marchou a Caracas xunto cun amigo estudante moi aventureiro que quería ir buscar fortuna no diamante venezolano. Unha vez alí Virgilio foi consciente da dificultade dese soño e, e desistindo dunha aventura que podía ser perigosa, decidiu quedar na capital e buscar un traballo máis seguro.
A adaptación a Caracas non lle resultou en absoluto complicada. Alí había unha irmandade galega con moita vida social e coñeceu decontado a unha moza de Ribadavia que se converteu na súa muller. Virgilio aprendeu un oficio cun mestre deseñador español, e converteuse nun traballador destacado na industria do calzado de maior calidade de peles e derivados.
Virgilio garda moi bos recordos da súa experiencia e lembra con cariño a boa acollida que lle brindou o país. Venezuela doulle unha profesión e unha familia; alí naceu o seu fillo maior. O retorno tivo lugar en 1967 debido a un problema médico da súa muller; o matrimonio tivo que traspasar a súa vivenda e o seu negocio e comezar unha vida nova aquí. A adaptación foi difícil. Despois de estar uns oito meses na Cañiza cos sogros esperando a que a súa muller se repuxese, marcharon para Vigo, unha cidade daquela en crecemento que lle ofrecía máis oportunidades para atopar traballo.
Seguir co seu oficio de deseñador en Vigo foille imposible, así que, aproveitando unha titulación de axente comercial que obtivera en Venezuela, comezou a traballar no sector do transporte e no reparto de mercadorías. Co tempo non lle foi mal. O seus irmáns maiores tamén se foran dispersando fóra da súa Asturias natal, e a súa familia estableceuse definitivamente en Vigo.

Foto que Virgilio lle enviou firmada á súa nai para que a familia comprobase o bo estado en que se atopaba
Durante a súa estancia en Caracas a finais dos anos 50, nunha festividade da cidade