O pai de Luisa, que se dedicaba ao campo e á madeira, emigrou a Francia no ano 1967. Alí estivo pouco tempo, pois, sen coñecementos do idioma e sen persoas achegadas, a adaptación resultáballe difícil. Por ese motivo marchou posteriormente a Suíza, onde tiña persoas coñecidas que lle axudaron no proceso de adaptación.
Pronto conseguiu traballo nunha fábrica, e ao pouco tempo encontrou un emprego tamén para a súa muller nun restaurante. A nai de Luisa marchou xunto ao seu home, deixando as súas dúas fillas ao coidado dos avós maternos. Luisa tiña entón 8 anos, e a súa irmá, 9.
A nai de Luisa comezou a traballar nun restaurante, mais ao pouco tempo encontrou un emprego mellor en Correos. O matrimonio viña de visita a España unha vez ao ano, no mes de agosto, cando tiñan vacacións.
No ano 1973 a nai deu a luz en Suíza a unha nena, e para que eles puidesen seguir traballando, levaron á filla maior para que coidase da súa irmá. Durante 9 meses, Luisa tivo que quedar aquí soa cos seus avós. Ao cabo dese tempo os pais de Luisa trouxeron as súas fillas para España, e nese momento decidiron regresar, xa que sentían rexeitamento por parte das súas fillas e o pai non quería levalas para un país estranxeiro, para que non se estableceran alí co paso do tempo.
É no ano 1975 cando regresan definitivamente, e co diñeiro aforrado puideron mercar os terreos e a casa que teñen en aluguer en Viveiro.