Olimpia Castiñeira Capelo, natural de Cee, emigrou a Suíza en 1979. Daquela acababa de casar co seu home Juan, tiñan unha filla e non tiñan vivenda propia, polo que marchaban coa esperanza de acadar unha mellor situación. A súa filla tivo que quedar aquí ao coidado dos avós e das tías, xa que non a podían levar ata catro anos máis tarde, por non teren permiso de traballo.

En Suíza o seu home encontrou traballo na construción e ela tivo diferentes empregos: nunha tenda, unha panadaría ou unha empresa de limpeza. Alí o soldo era moito mellor co que había en España. Co seu só xa lles chegaba para vivir, e o do seu home aforrábano e enviaban cartos para aquí.

Naquel momento o avión para Suíza era carísimo e case sempre facían a viaxe en taxi, catro persoas xuntas para que lles saíse máis económico. Tardábase dous días e unha noite en chegar.
O matrimonio volveu en 1984, e á súa chegada atopáronse cunha situación semellante á de cinco anos atrás, cando marcharan: Estaban de novo sen traballo, no paro, e os soldos naquel momento seguían sendo baixos, non daba para manter unha familia nin para comprar un piso ou facer unha casa. A situación económica de Suíza e Galicia era totalmente distinta: aquí o soldo era de 40 000 pesetas ao mes aproximadamente (240 €), e en Suíza duns 3000 francos (1800 €). As condicións alí eran boas, mais aquí pasábase mal.

Olimpia considera que a vida en Suíza estaría ben se puidese ter levado a súa familia, xa que garda moitos recordos tristes daqueles momentos que tivo que pasar sen a súa filla.