Don Jesús Nogueira Neira naceu en Vilartelín, Baralla no ano 1929, no seo dunha familia extensa. Os seus pais, Basilisa Neira e Jesús Nogueira, tiveron 9 fillos, Jesús era un dos maiores. Eran tempos duros nos que non había onde traballar e os traballos eran pouco remunerados, case toda a economía era de subsistencia.

Na súa casa coidaban de tres vacas que lles subministraban leite, queixos e manteiga. Ademais tiñan unha parella de porcos, varias pitas e coellos. Estes animais eran os seus bens máis prezados.

Cando Jesús medrou, decatouse de que a casa quedaba pequena para tantos fillos, tamén chegaban a pouco os alimentos. Así que aos 23 anos, no 1952, logo de escoitar varias historias de emigrantes que saíron adiante noutros países, decidiu pedirlle os aforros de toda unha vida aos seus pais e poñer rumbo a Venezuela.

Os primeiros traballos preto da capital, Caracas, foron duros. Traballou en serradoiros como un peón máis, pero logo destacou polas súas ganas de chegar alto e tras varios anos de gran esforzo foi nomeado encargado. Seguiu algúns anos máis desempeñando ese traballo e cando tivo cartos suficientes, propúxolle ao seu xefe mercar parte da empresa.

Tempo despois mercou varios terreos e fixo plantacións de piñeiros, aproveitando a sabedoría popular que seu pai lle transmitira en canto a coñecementos da terra e das árbores. Conseguiu fortuna facéndose con varios serradoiros noutras localidades de Venezuela: Maturín e Cumaná.

Foi moi feliz tras emigrar e, aínda que as súas visitas á familia foron poucas, sempre a tivo moi presente.

Pola súa conta, en Venezuela formou unha familia de dous fillos cunha muller americana e todos os veráns mandábaos visitar os seus avós en Galicia.

Morreu no ano 1999, con 70 anos de idade, tras unha longa enfermidade da que foi tratado en Estados Unidos.

Jesús coa súa familia
Coa súa muller e amigos