Susi Varela López é a miña avoa, nacida en Balboa,Vilar de Ortelle (Lugo) o día 20/02/1948. Actualmente reside en Viveiro, casada e con tres fillos. Emigrou sendo moza a Suíza.
Agora fareille unhas preguntas para que nos conte a súa experiencia.
- A que país emigrou e con cantos anos?
Susi: Emigrei a Suíza con vinte anos, ano 1968.
- Cal era a túa situación familiar?
Susi: Era orfa de pai, miña nai traballaba no campo, polo que tíñamos pouco diñeiro.
- Cales foron as túas motivacións?
Susi: Tiña unha irmá que xa emigrara para Suíza, buscando unha vida mellor, polo que ela axudoume a ir.
- En que medio de transporte fuches a Suíza?
Susi: Viaxei a Suíza nun tren que me levaba de Monforte a Suíza onde miña irmá esperaba por min.
- Que profesións tiñas en Suíza?
Susi: Traballei de camareira e de limpadora nun hotel.
- Quedaches en Suíza ou volviches para Viveiro?
Susi: Eu, volvín a Viveiro para axudar a miña nai, estiven só dous anos alí.
- Como te defendías co idioma?
Susi : Defendíame, xa que sabía un pouco de italiano aínda que a maioría de veces utilizaba xestos.
- De que maneira influíu a emigración na túa vida?
Susi: Grazas á emigración puiden gañar diñeiro para poder volver á casa coa miña nai, e emprender, unha nova vida.Tamén aprendín os costumes e formas de vida doutro país, e o máis importante, alí coñecín o meu esposo.
- Onde coñeciches ao teu esposo?
Susi: No Centro Galego de Basilea, era como unha gran familia, todos sentíamos morriña pola nosa terra.

-Onde traballaba o teu esposo daquela?
Susi: El traballaba de axudante de cociña.
- A que se adicou á volta?
Susi: Traballei de empregada do fogar.
- Recomendarías emigrar a xente nova?
Susi: Si, aínda que é duro, e unha experiencia enriquecedora.

Grazas por compartir a súa marabillosa historia comigo.
Susi: grazas a vostede por interesarse por ela.

Meu avó nun Centro Galego en Suíza
Pasaporte do meu avó
Visado da miña avoa