Hoxe vouvos falar do meu tataravó, Ángel Rivera. Ángel naceu na zona das Pontes a finais do século XIX. Cunha temperá idade, a súa familia trasladouse a Fene. Dende moi novo, Ángel tivo que traballar para manter á súa gran familia, formada por varios irmáns. Traballaba moito no campo e cos animais, e era coñecido pola súa forza e por ser moi traballador. Sobre o ano 1910 casou coa miña tataravoa Remedios.
Na época na que el viviu, Galicia era un lugar pobre e pouco desenvolvido comparado con outras partes de España. A maior parte da súa poboación vivía na miseria e subsistía grazas á agricultura e á gandaría. Isto causou unha gran crise migratoria, facendo que 800.000 galegos deixaran a súa terra en busca de lugares mellores (Arxentina, Uruguai, Brasil...).
No caso do meu tataravó Ángel, decidiu nos anos 20 emigrar a Estados Unidos, un país que se convertera na primeira potencia mundial despois da Primeira Guerra Mundial. Aínda que non sabía inglés, conseguiu traballo nunha gran petroleira chamada CONOCO. Grazas ao seu esforzo logrou aprender inglés, integrarse e ser un membro útil da compañía, e con isto lograba manter á súa familia mandándolle cartos.
En 1929, malia o Crac do 29, el mantivo o seu posto de traballo e seguiu vivindo ben. Na compañía, grazas aos anos dedicados a ela, regalábanlle accións e xoias. Co comezo da Guerra Civil no ano 1936, a miña familia non vivía mal grazas á súa axuda económica. Na posguerra ocorreu o mesmo: co diñeiro de Ángel, a familia puido tirar para adiante.
Cando Estados Unidos se involucrou na Segunda Guerra Mundial, a compañía CONOCO comezou a axudar nos esforzos estadounidenses, converténdose nunha gran provedora de petróleo dos americanos. Nun destes barcos, o S.S. E.H. Blum, encontrábase o meu tataravó. Pero nunha das viaxes nas que había que recoller petróleo en Texas, o barco chocou cunha mina e partiu pola metade. Por sorte, o meu tataravó sobreviviu a este incidente.
Tras dez anos máis en Estados Unidos, o meu tataravó decidiu volver a España. Xa visitaba Galicia de vez en cando, mais esta vez sería a súa volta definitiva. Aínda que xa estaba maior, Ángel seguía axudando na casa polo seu carácter traballador. A familia vivía moi ben grazas aos seus cartos, sendo a súa casa unha das únicas que tiña cuarto de baño nese tempo. Lamentablemente, Ángel faleceu pouco despois de chegar a España no ano 1959.
Penso que o meu antepasado, malia estar moito tempo afastado da familia, conseguiu manternos e axudarnos grazas ao seu traballo e esforzo. Por todo isto, síntome orgulloso del.