Concha, a miña bisavoa, naceu en Cuba porque os seus pais tiveron que emigrar de Galicia, onde naceron e se criaron. Eles xunto coas súas dúas primeiras fillas tiveron que emigrar por un problema respiratorio dunha delas xa que os médicos lles dixeron que o clima de Cuba era moito mellor para o seu problema de saúde, polo que decidiron emigrar para mellorar a calidade da súa filla. Ademais, alí xa tiñan familia polo que este cambio nas súas vidas non lles resultou moi complicado.

A emigración para eles non foi tan complicada como para moitos outros porque a lingua é a mesma que en España e a cultura tamén era moi parecida. Tampouco foi moi difícil facer amigos e coñecer xente nova, porque xa coñecían xente alí, adaptáronse con bastante rapidez.

Para chegar a Cuba ían en barco, que era o mellor medio de transporte daquela, xa que viaxar en avión non era moi habitual.

En Cuba seguiron formando a súa familia e mellorou a súa calidade de vida. Pouco despois de chegar tiñan unha granxa con árbores froiteiras. Todos os beneficios que obtiveron aforráronos para poder montar un albergue. O albergue funcionou moi ben o que lles permitiu vivir mellor.

A miña bisavoa, Concha, e os seus irmáns non ían á escola porque naquela época era moi pouca a poboación que ía á escola. Ademais, eles pasaban a maior parte do día no albergue axudando aos seus pais no negocio familiar.

Cando a miña bisavoa se fixo maior, decidiu volver a España co resto dos seus irmáns e coa súa nai, polo que o único que quedaba en Cuba sería o seu pai para poder seguir traballando no albergue.

Ao regresar a España foron a Asturias, onde reconstruíron as súas vidas. Alí a miña bisavoa coñeceu ao meu bisavó e tiveron a súa primeira filla, a miña avoa, Esther. O meu bisavó era coruñés polo que decidiron mudarse a Galicia onde seguiron formando a súa familia.

Desde entón, a miña avoa continuou na Coruña onde pasou parte da súa infancia, casou e tivo o resto da súa familia.

Hoxe a irmá da miña avoa segue mantendo unha boa relación coa parte da nosa familia que aínda está en Cuba. De cando en vez escríbese con eles ou visítaos para levarlles roupa ou medicamentos, porque a situación actual de Cuba non é moi boa.