Casimira marchou con dez anos para Bos Aires, en 1952, xunto coa súa familia. Xa tiñan parentes na emigración arxentina que lles daban novas da boa situación alí, e ao enfermar a súa nai, que tiña un ultramarinos nunha aldea, a familia decidiu emprender camiño de América.
Á súa chegada foron vivir con Antonio, un tío do seu pai, e estiveron dous anos ata que aforraron para mercar unha casa nun barrio da Arxentina, onde tiveron uns veciños extraordinarios cos que formaban unha gran familia. No comezo Casimira estudaba nas Calasancias, o mesmo colexio ao que ía en Pontevedra, mais despois cambiou para a escola pública, que era gratuíta e de calidade.
Con dezaseis anos, nun baile, coñeceu ao que hoxe é o seu home, un emigrante aragonés que chegara o mesmo día ca ela á Arxentina noutro barco, e tres anos despois casaron. Teñen tres fillos arxentinos, e o pequeno naceu en España.
Casimira conserva na Arxentina moi bos amigos cos que mantén constante comunicación e visita con certa frecuencia.