Ángel Iglesias naceu no municipio de Maceda, Ourense, e é o maior de oito irmáns. Con trece anos marchou estudar ao Mosteiro dos Milagres, rexentado polos Padres Paúles, e despois foi percorrendo diferentes seminarios en Villafranca do Bierzo, Santander, Hortaleza, Cuenca e Salamanca. Con vinte e catro anos volveu a Maceda, e foi cando tomou a decisión de emigrar para proseguir cos seus estudos, mais antes tiña que facer o servizo militar, pois era a única maneira de obter os papeis para facelo.

Entrementres Ángel estableceu contacto con dúas mozas, unha en Suíza e outra en Glasgow. Finalmente decantouse por Suíza, e en 1959 chegou ao país despois de trinta horas de tren. Esa noite durmiu na estación, e ao día seguinte reuniuse coa familia da rapaza, que lle buscou emprego nun hotel lavando a louza e lle asegurou comida e aloxamento durante dous meses antes de que se cerrase a tempada. En previsión, Ángel púxose en contacto co capelán dos españois e conseguiu traballo nun colexio privado como vixiante dos estudantes, podendo asistir á clase nas horas libres.

Durante os anos que estivo alí conseguiu levar todos os seus irmáns. En 1961 comezou a estudar física e matemáticas na universidade e fíxose co seu primeiro vehículo para desprazarse, unha bicicleta. No verán traballaba nunha fábrica de cociñas para pagar os seus estudos, e así logrou rematar un Master en Física e matemáticas que lle permitiu buscar emprego como profesor en colexios privados. A aspiración de Ángel era traballar nun centro público, xa que as condicións eran mellores, mais, ao ser estranxeiro, non podía acceder a unha praza pública, polo que decidiu cambiar de país.

Entre Australia e O Canadá decidiuse por este último, debido ás facilidades que lle ofrecían na embaixada canadense en Berna. En xullo do 1968, grazas ao Servizo de Emigración canadense, conseguiu unha praza como profesor de matemáticas nunha escola de formación de mestres. Ao ano creouse a Universidade de Quebec e a escola onde traballaba Ángel foi integrada na universidade, e con ela os profesores. No ano seguinte xa estaba fixo e ofrécenlle facer un doutoramento en Lión, onde lería a súa tese, e en maio de 1975 regresa ao Canadá coa súa muller e o seu fillo.

Ángel valora a súa experiencia na emigración como moi enriquecedora. Durante os nove anos que estivo en Suíza sempre se sentiu como un estranxeiro, mais nunca tivo esa sensación nos trinta anos que pasou no Canadá. Aínda así, como bo galego, sentía morriña da súa terra e sempre quixo regresar, porque o inverno era moi longo e a familia tiraba. Dos seus fillos, un quedou no Canadá, e o outro, que estudou enxeñaría, pasou por Tolosa, Bristol, Hamburgo, EEUU...

Ángel coa súa muller e os seus fillos
Ángel na casa dunha amiga
A súa casa de Suíza