Nado no Bierzo, Elías emigrou a París con vinte e tres anos. Despois de se ter dedicado media vida aos labores do campo, decidiu que eran horas de arrancar e buscar un mellor porvir. Debía tomar xa unha decisión, así pois, deu un paso á fronte e meteuse nun tren dirección a París. A sorte acompañouno na viaxe e xusto coñeceu unha persoa que lle falou dun posible traballo nunha fábrica da Citroën na capital francesa, así que chegou á gran cidade cun sitio ao que se dirixir. E así foi como quedou alí a traballar na montaxe de soldadura.
Integrouse ben porque axiña se comezou a entender co francés, lembra cando se puxera a estudar os infinitivos nun pequeno libriño para aprender francés en dez días. Como vía que era unha situación favorable, transcorridos oito meses volveu decidido a casar coa súa moza en España, para xa volveren os dous xuntos e tamén ela poder atopar traballo, cuestión que non resultou difícil.
Ao final, estiveron alí cinco anos, tiveron un fillo e decidiron volver antes de que o rapaz se acostumase demais a aquela cultura, á cidade. Os seus plans eran volver á casa e sabían que a cousa se complicaría se o neno medraba alí e comezaba a facer a súa vida en Francia.
Elías garda moi bos recordos de París. Recorda unha sociedade aberta e menos machista do que aquí, xa que os homes participaban das tarefas da casa, facían a compra e cociñaban. Tamén lle chamaba a atención o coidadosos e limpos que os parisienses eran coa súa cidade, de feito, recorda que un dos primeiros días que tiveran libre foran pasear a un parque e ao deitárense na herba unhas señoras chamáranlles a atención. Ademais resultábanlles chocantes pequenos adiantos que nunca antes viran coma a carne presentada nos supermercados en bandexas de poliestireno. Para Elías: «El éxito o el fracaso de la emigración es la capacidad de adaptarse».

 

Foto coa súa muller e o seu fillo Pin
Comida de celebración do bautizo do seu fillo
Nun descanso de traballo, cos seus compañeiros, tomando un aperitivo de RICARD, anisete que se toma con auga