As condicións de emigración de Isidro foron diferentes ás actuais, e di que se lle rompe o corazón ao ver hoxe os mozos e mozas galegas teren que marchar por motivos laborais. Isidro emigrou a Venezuela en 1976, estando xa casado e con fillos, coa súa empresa galega para facer obra fóra das nosas fronteiras.
Ía por seis meses que se converteron en trece anos, xa que un amigo que tiña bos contactos no país lle aconsellou quedar alí ao finalizar o traballo coa empresa, pois Venezuela era un país de oportunidades. Isidro non o dubidou nin un momento, quedou alí. Nas seguintes semanas, o amigo pagáballe o hotel e dáballe diñeiro mentres facía as xestións para buscarlle un traballo na construción naval.
Encontroullo nun estaleiro en Sucre, Cumaná, e a partir dese momento foi a súa muller e despois os seus fillos. Vivían nun piso buscado polo estaleiro, o cal lle amoblaron, dándolle todas as facilidades. Estivo traballando alí ata o ano 1983, cun salario bo para manter a familia e para viaxar a Galicia nas vacacións.
Posteriormente mudáronse a Caracas, onde viviron moi ben cinco anos, ata que houbo o levantamento social provocado pola subida da fariña para a arepa, alimento básico para as clases máis necesitadas, o que provocou episodios vandálicos e de inseguridade cidadá. Este acontecemento fixo que tomaran a decisión de regresar, primeiro a súa muller e el e despois os seus fillos.

Coa súa muller e fillos na Comuñón do fillo mediano
Na celebración da Comuñón cos seus dous fillos máis pequenos e un amigo
Tarde no parque en Sucre, Camaná, Venezuela