En 1960 Fernando emigrou ao Brasil na procura dunha mellora na súa calidade de vida. Como operario de Bazán no Ferrol dos anos sesenta, as condicións laborais daquela non respondían ás súas expectativas. Tras quince días de viaxe nun barco de pasaxe e de carga chegou ao Brasil, e trasladouse á cidade de São Paulo.

O Brasil abriulle as portas a Fernando xa que, en contraste co que sucedía en países coma A Arxentina, O Uruguai ou Venezuela, O Brasil admitía emigrantes sen necesidade de que fosen reclamados por un familiar xa residente para obter un visado. A súa vida alá resúmea coa rotunda afirmación de que «teño que estar sempre agradecido a ese país, a acollida foi moi boa e os brasileiros son moi abertos». De feito, a súa boa e rápida integración conduciu a que a súa muller se reunise con el ao cabo dun ano, en 1961. Alí naceu tamén o seu fillo.

En São Paulo, a súa formación no sector industrial facilitoulle atopar emprego nunha multinacional de fabricación de turbinas para centrais eléctricas, onde empezou como torneiro e acabou como encargado da oficina técnica. Aínda así en 1967 decidiron regresar, xa que os seus pais contábanlle por carta a melloría da situación económica en Galicia. Porén, «arrepentinme de regresar ao chegar aquí e comprobar que todo seguía igual que cando marchamos, xa que São Paulo naquel entón era unha cidade próspera, cun ambiente moi europeo, moi moderna e o motor da industria no Brasil», di Fernando.

A súa vida de emigrante na procura de traballo no sector industrial continuou unha vez en España. Por ese motivo marchou a Vitoria e Barcelona, e finalmente volveu a Ferrol no ano 1975 para se incorporar ao cadro de persoal de Bazán.