Josefa emigrou en 1969 a Lyon, Francia. A súa motivación foi seguir o seu marido, que xa levaba alá sete anos antes de casaren. Así que despois da voda, preparou a ida ao país veciño, o que lle custou enormemente porque lle causaba gran pena marchar lonxe dos seus pais e irmáns.
Unha vez alá, o seu home buscoulle un traballo nunha portería dun edificio de vivendas de clase media-alta. Aquel sería o seu traballo definitivo durante os 10 anos que estivo en Francia porque se axustaba ás súas pretensións tanto a nivel económico coma de calidade de vida. Resultáballe ademais moi cómodo porque podían vivir na propia portería.
Josefa recoñece que lle custou moito aprender francés, porén, foille de grande axuda que o seu marido xa o dominase –ao fin e ao cabo leváballe uns anos de vantaxe–, e que o propio traballo a obrigase a se relacionar cos veciños, isto foi crucial para ter que esforzarse máis e irse familiarizando co idioma.
Os seus dous fillos naceron en Francia, e conta como anécdota que cando naceron, toda a comunidade do edificio lle enviou ao hospital o ramo de flores máis grande que vira nunca e cunha tarxeta de felicitación.
A súa estadía alá foi moi positiva, en xeral sentíase moi a gusto co seu traballo e integrouse ben na zona, ademais para ela foi unha facilidade importante que o seu marido xa tivese experiencia na cidade, fíxoa sentirse máis arroupada.
Cando os seus nenos cumpriron os 9 e 5 anos decidiron virse definitivamente de regreso a Lugo. Crían que era o momento, se esperaban máis, aos pequenos íalles custar moito a adaptación aquí. Ademais Josefa seguía a botar moito en falta a súa familia. Así que 1979 foi o ano en que decidiron pór punto e final á súa experiencia na emigración.

No bautizo do seu primeiro fillo en Lyon
No bautizo da súa segunda filla
Co seu home Emilio en Lyon
Foto 4
Nunha reunión con españois na súa casa Lyon