En 1956, con trinta e un anos, José emigrou para o Brasil para mellorar a vida que tiña naquel momento. Desexaba casar, e aínda que tiña traballo como axente de seguros en Lugo, o seu salario non era suficiente para poder alugar un piso e vivir. Así que, unha noite que non conseguía conciliar o sono, meditou a fondo pros e contras, e uns días despois tomou a decisión de cruzar o Atlántico rumbo ao próspero e boiante Brasil, casando antes coa súa muller en Escairón.

José marchou para o Brasil el só ata que alcanzou o nivel de vida que lle permitiu, dous anos máis tarde, chamar a súa muller para que fose ao seu carón. O matrimonio mantiña o contacto coa súa familia, pais e irmáns, mediante postais e, en caso de urxencia, por teléfono.

A súa estancia no país foi feliz e satisfactoria en todos os aspectos, e o seu nivel de vida mellorou considerablemente. No eido laboral, José comezou traballando como dependente nuns grandes almacéns, mais grazas á súa perseveranza, constancia e tesón, foi pouco a pouco ascendendo ata alcanzar o cargo de máis responsabilidade na empresa, xerente xefe. Para isto non dubidou en traballar ata doce horas diarias.

A integración de José no Brasil foi total, xa que traballaba con moitos brasileiros (por lei, a empresa estaba obrigada a ter o 66 % de traballadores nativos) e foi sempre moi respectado polos seus compañeiros. A relación con outros emigrantes era tamén diaria no traballo, e incluso cando chegou ao país vivían xuntos nuns aloxamentos que tiña a empresa para as persoas estranxeiras.

O matrimonio vivíu xunto no Brasil durante oito anos, onde tiveron un neno que morreu ao pouco de nacer por problemas médicos. Ao nacer a súa segunda filla, Esther tivo medo de que lle sucedese algo parecido e que os médicos non llo resolvesen ben, así que quixo regresar a España. Nesa viaxe de volta José acompañou a súa muller e filla coa intención de regresar de novo ao Brasil, xa que alí vivía moi ben, mais unha vez de volta na casa foi incapaz de deixar soa a súa muller coa nena. A empresa gardoulle o seu posto de xerente xefe durante un ano, e incluso lle seguiron pagando o seguro, mais ao transcorrer ese tempo pedíronlle que tomase unha decisión, e decidiu quedar en Galicia.

José garda un recordo estupendo dos seus dez nos de vida no Brasil e fala con enorme cariño daquel país, mais séntese moi galego.

 

 

Coa súa muller