Eliseo traballaba na mina en Asturias, un emprego perigoso polo que daquela se libraba de facer o servizo militar. Tiña entón vinte e cinco anos e un bo soldo, mais naqueles anos todos marchaban para o estranxeiro, así que para el e os seus amigos emigrar foi como unha aventura para probar sorte. Primeiro marchou un amigo e aos catro meses marchou el, mais antes tivo que conseguir as recomendacións necesarias para obter o pasaporte. E así,en 1961, marchou a Suíza en tren e sen falar nin unha palabra noutro idioma que non fose galego ou castelán.
O seu primeiro traballo foi na cociña dun restaurante durante seis meses, mais non estaba moi contento, e en canto puido cambiou para unha fábrica de mecánica en que estivo ata 1973. O seu derradeiro traballo foi nunha fábrica de reloxos, onde estivo ata 1999 cando se xubilou con 64 anos.
No referente á súa vida en Suíza, Eliseo pasouno ben e garda bos recordos. Mentres estivo solteiro as fins de semana ía aos bailes cos seus amigos de Asturias, e despois coa súa señora. Casou en 1964 e tivo dúas fillas que continúan a vivir naquel país.
Eliseo considera que tivo sorte na vida, que topou con xente boa que o trataron ben. Define os suízos como xente honrada e bondadosa, mais pouco extravertida e alegre. Segundo a súa opinión, o éxito dos españois na emigración é porque foron capaces de se adaptar ás costumes, ao idioma e á vida no país.
En 1999, despois de trinta e oito anos na emigración, o matrimonio decidiu que era o momento de regresar e gozar da vida un pouco. Tomaron a decisión de retirarse e vir a Galicia, onde tiñan casa propia.