No ano 1964 Elva traballaba como camareira en Barcelona cando uns amigos lle enviaron un contrato desde Suíza para ocuparse nunha fábrica de reloxos. Como a información que tiña era que as condicións laborais do país alpino eran moito mellores, decidiu emprender a aventura da vida pasando a fronteira.

En total estivo 12 anos en Suíza nos que traballou sempre na mesma fábrica de reloxos no cantón francés. Alí coñeceu o seu marido, que tamén era de Monforte. Foron mozos durante ano e medio e casaron en 1966, rodeados dos seus amigos de Suíza.

O seu horario de traballo naqueles anos era de 7.00 a 11.45 e de 13.30 a 17.00. A partir das cinco da tarde ía a clases de francés. Non tivo problemas co idioma e aprendeuno axiña grazas a aquelas clases ao remate da xornada laboral, cun profesor que entendía perfectamente o castelán.

Sempre mantiveron boas relacións cos suízos, xa que no seu primeiro bloque de vivendas todos eran de alí menos eles. Elva comenta que teñen un carácter moi disciplinado e recto. Mentres tanto, o contacto coa familia galega o tempo que estiveron en Suíza, era a través de carta. Elva e Manolo viñan todos os anos no seu mes de vacacións e en Semana Santa adoitaban ir a Barcelona.

Tiveron dous fillos que naceron en Suíza: José Manuel e Silvia. Cando Silvia tiña un ano tomaron a decisión de regresar a España. Manolo quería volver, nunca se afixera de todo ao idioma e, ademais, sabían que se continuaban alá os seus fillos xa non quererían volver a Galicia. Así que, logo de doce anos no país helvético, regresaron a Monforte onde Elva abriu un negocio propio, unha droguería.

Sempre gardaron moi bos recordos daquela época en Suíza, a Elva sempre lle pesou o regreso, aínda que desde que se instalaron en Monforte volveron en moitas ocasións a pasar alí as vacacións, xa que deixaron moi bos amigos que foron visitar de cando en cando.