Juan José é dunha aldea da Baña. De pequeno ía á escola mais eran moitos alumnos, sesenta nunha aula para un único profesor, polo que afirma que o pouco que aprendeu foi cun familiar que lles daba clases nunha palleira.

José traballou desde os dez anos na barbería do seu pai: «Facíao moi ben e era máis rápido ca el», mais o negocio empezou a perder clientes a medida que gran parte dos seus veciños empezaron a marchar á emigración. Á Baña chegaban noticias da próspera situación de Venezuela e da posibilidade de facer fortuna, de aí que José axiña tivo o desexo de marchar. Con doce anos xa quería irse, aínda que os pais non o deixaron.

Cando contaba dezasete anos embarcou no peirao da Coruña, despois de lle deixar os cartos súa avoa, que era tratante de gando e unha muller de moito carácter.

Vinte días despois de emprender viaxe chegou a Caracas. Naquela altura era unha cidade moi avanzada, había moita maquinaria, coches, e as barberías tiñan outro tipo de aparellos que aquí non había. Axiña atopou traballo de axudante, mesmo chegou a traballar na mellor barbería da cidade onde tiña como clientes ministros e altos cargos da policía e do exército venezolanos, e en tan só seis meses conseguiu devolver os cartos que debía da pasaxe. Pola volta dun ano xa tiña a súa propia barbería.

Juan José lembra as dificultades polas que pasou, e conta que a integración non lle resultou doada, ten numerosas anécdotas ao respecto, nunha delas lembra a un venezolano que lle dicía: «Gallego, si no estás a gusto aquí, vas para junto de Franco».

Malia todo, ten unha visión positiva do que supuxo a emigración para Galicia, salienta o papel dos galegos que foron a Cuba e que eran analfabetos, sufrindo todo tipo de penurias, burlas e discriminacións, por causa das cales, á volta financiaron a construción de escolas en toda Galicia para educar os galegos e que tivesen un futuro próspero.

Foto 1
Foto 2
Foto 3
Foto 4