Aos 13 anos, Juan e as súas dúas irmás, da man da súa nai están preparados para subir no avión que os ía levar a Nova York. Agardávaos seu pai que xa emigrara había un tempo, chamado polo seu irmán. En Boiro ían quedar os seu mellores recordos da nenez, os baños na Praia de Barraña, as tardes da pandilla no bar “La cueva” ou as partidas na máquina de pinball, aqueles caramelos por un patacón e chicles e petardos a peseta da tenda do Felipe “O Chono”. A horta da casa… as grandes aventuras imaxinadas entre ás súas árbores, onde os ánimas da corte tamén eran protagonistas.
Todo ía mudar por aqueles rañaceos e coches de película que vía nas postais que enviaba seu pai dende América. Poñer o pé no aeroporto de Nova York foi entrar en contacto co frío de verdade, era un 17 de febreiro de 1973 e a neve blaqueaba todo o que podía ver alquel rapaz.
O cambio de residencia implicou deixar atrás os espazos abertos da súa casa con horta, agora toda a familia tiña que instalarse nun apartamento e obrigatoriamente asistir a clase de inglés durante 6 meses. Foron tempos de adaptación e sacrificio, gañaría o seu primeiro dólar recollendo xornais do lixo para levalos a reciclar, co que obtiña uns ingresos que lle daban para mercar tabaco e chicles.
Pouco despois, con 14 anos, comezou a traballar nun motel axudando ao supervisor de mantemento, facendo un pouco de todo. A súa nai mercoulle unha bicicleta de carreiras como recompensa polo seu esforzo, estudando e traballando tamén durante as fins de semana no Super que seus pais rexentaban. Con 16 anos saou o carné de conducir, o que xa lle permitiu desprazamentos limitados na furgoneta para ir a mercar mercancía para a tenda.
Avizado e con moitas gañas de aprender, estudaba e traballaba ao mesmo tempo e así conseguiu aprobar os dous cursos equivalentes ao bacharelato español, nun só ano. Con 17 anos comezou a estudar na Universidade a carreira de Informática e xestión. Nesa época ía a clase ata as 4 da tarde e seguía traballando de 4 a 12 da noite, como operador de ordenadores. Sentiuse moi ben acollido e integrouse con facilidade na cidade que todos viamos no cine e na televisión. Iso sí, lembra que o seu mellor amigo, que vivía no mesmo edificio, era de Pontevedra, non esquece aqueles bailes no Club España da Casa Galicia, onde coincidía con moitos galegos e galegas, aquelas discotecas e os primeiros amoríos, as viaxes por un país enorme, ou os partidos de basket, beisbol e mesmo futbol americano.
América ía por diante en moitas cousas, aínda que estaba moi influenciado por modas francesas ou inglesas na vestimenta. Vivíase nun entorno social cun trato igualitario entre homes e mulleres, era unha democracia moderna que en Galicia aínda estaba por chegar…
Moitas horas de estudo levárono a conseguir graduarse na Universidade e comezou a traballar como programador de ordenadores, logo analista e despois consultor en empresas multinacionais (1982-1990).
Dende o 1973 ao 80 non voltou á súa casa en Galicia, foron 7 anos seguidos alá, e despois entre o 80 e o 92 viñeron dúas veces. O falecemento da súa nai, no 1992 marcou unha toma de decisión ata ese momento impensable. O enterro trouxo a familia ao seu Boiro da infancia e, aconsellado pola familia, quedou e montou unha consultoría informática que estaría funcionando ata o ano 2000, no que a vida de Juan dou outro xiro e decidiu tomar un ano sabático e, cunha mochila ao lombo inciou o Camiño de Santiago.
Esas horas de introspección, de duro camiño, levarono a pensar en apartarse da vida monótona, envorcada no traballo, e decidiu dedicarse ao mundo da arte, da pintura, no que neste momento está mergullado.
Como dixo o pintor, do que neste ano 2023 celebramos o 50 anos do seu pasamento, Pablo Picasso: “Cuando llegue la inspiración que me encuentre trabajando”. Seguro que co noso protagonista, vai ser así.