A partida de José foi motivada por dous factores: por un lado, non quería facer o servizo militar e, polo outro, buscaba unha mellora económica. Así que, estando no traballo, colleu unhas direccións para ir a traballar a Suíza, escribiu, e contestáronlle enviándolle o contrato. Así foi como embarcou na súa aventura en 1962.
Marchou con dezanove anos, e daquela, ao ser menor de idade, precisou o permiso do pai para marchar. A viaxe a Suíza durou dous días e fíxoa xunto con tres amigos. En Suíza traballou como fundidor, gañaba diñeiro e vivía comodamente, polo que estaba contento. A vida cotiá era levadía, en parte porque era moi novo e non tiña preocupacións.
Ao primeiro os suízos mirábanos con receo, mais co tempo chegaron a terlles grande aprecio. En xeral, os galegos eran considerados bos traballadores e eran moi valorados. José casou en España con Aurora, unha española tamén emigrada en Suíza cos seus pais, e foi en Suíza onde continuaron a súa vida. Xuntos, chegaron a rexentar o restaurante La Bodega durante dezasete anos.
A comunicación de José coa familia era a través de carta, e se pasaba algo urxente, por telegrama. O retorno foi motivado por problemas de saúde da súa muller e non foi nada traumático, xa que o matrimonio tiña aquí a súa propia casa e viña todos os veráns pasar as vacacións.
A valoración que fai José da súa experiencia migratoria é moi positiva. De feito, seguen a viaxar a Suíza, xa que os seus fillos viven alí. Como anécdota conta que un día nun restaurante lle preguntaron se era español, e querían que tocase a guitarra e bailase flamenco.