Cando contaba con vinte e dous anos, Carmen decidiu emigrar para o País Vasco en busca dunha mellora para o seu futuro e a súa economía. Alí, pese a haber moitas fábricas en que poder empregarse, o seu home non quería e Carmen sempre traballou cosendo na casa. Pagábanlle ben, mais era unha labor moi sacrificada.
Nun primeiro momento o matrimonio tiña que compartir casa con outras familias, mais en pouco tempo, e poñéndose o xefe do seu marido como avalista, deron a entrada para o seu propio piso. Alí todo estaba máis avanzado, había auga corrente, recollían o lixo... e o matrimonio levaba unha vida cómoda, saían a tomar café, ían ao cinema etc.
Algo que lle chamou moito a atención a Carmen da vida en Eibar era ver no parque todos os avós coidando os netos, mentres que os seus pais traballaban nas fábricas. Iso aquí aínda non era habitual.
A relación coa familia mantíñaa a través de dúas ou tres cartas semanais. Ademais, viñan de vacacións tres veces ao ano, e o seu fillo, tan pronto collía as vacacións no colexio, íao recoller un familiar desde Galicia para que pasase aquí ese tempo.
O retorno motivouno a Galicia foi motivado polo falecemento do seu fillo; de non suceder esta circunstancia non terían volto. A pesar de estaren hoxe xa adaptados á vida aquí, nun principio pasárono moi mal e arrepentíronse de volver, pois alí tiñan unha grande convivencia cos amigos e moita vida social: reunións, comidas, saídas etc. Ao chegar aquí quixeron facer o mesmo, mais a xente non se prestaba. No País Vasco fixeron grandes amizades, algunhas coma irmáns.