O meu tío Venancio López López naceu no ano 1942 na aldea da Pena, Concello de Paradela (Lugo) Era o menor de seis irmáns. Naceu nunha familia de labregos de clase media.

Con doce anos os seus pais mandárono a estudar a Lugo, estudou para aparellador, foi o único dos seus irmáns que puido cursar estudos, aqueles anos eran moi difíciles posto que eran os anos da posguerra, había moitísima pobreza tanto nas capitais coma nas vilas e había moita xente que emigraba buscando unha vida mellor, e neses anos a maioría emigraba cara a América do Sur e o Caribe.

Cando tiña 18 anos marchou a Porto Rico por medio duns veciños que xa estaban alí emigrados, foi a súa primeira viaxe en avión. Os seus comezos non foron fáciles, estaba nun país moi distinto ao que el coñecía, o clima, os costumes, a cultura, a comida, etc. Contaba que nos primeiros tempos alí picábano moito os mosquitos e dicía que parecía que andaba sempre con xarampón.

Comezou traballando nunha empresa americana chamada Fuller Company que vendía produtos químicos para a limpeza, traballaba coma comercial. Co paso dos anos foi ascendendo e medrando na empresa ata chegar o momento en que comprou a sucursal da empresa en Porto Rico.
Alí coñeceu a miña tia Raquel que tamén era emigrante, ela era dunha familia de clase alta que vivía na Habana pero cando Fidel Castro chegou ao poder quitoulles todas as posesión e tiveron que fuxir de Cuba para que non os apresaran e os meteran no cárcere. Con ela tivo tres fillos, dúas nenas e un neno, a miña madriña Ana, Laura e Jorge que é o padriño do meu irmán Héctor.

O meu tío pódese dicir que tivo sorte porque lle foi moi ben e logrou grandes cousas fóra de España pero sempre dixo que o pasou moi mal cando marchou para Porto Rico porque era moi novo e estaba lonxe de toda a súa familia, ten dito que chorou moito nos seus primeiros tempos alí.
Tiña moita morriña da súa terra e sempre tentaba vir a Galicia dúas veces ao ano para visitarnos e achegarse á casa onde nacera.
O tío Venancio morreu no ano 2012 cando tiña 70 anos, e está soterrado na illa de Porto Rico.

Os seus fillos, meus curmáns, seguen vivindo en Porto Rico e continúan coa empresa que mercara seu pai, que agora se chama Fuller GroupP.R. Veñen a miúdo a España e mantemos contacto con eles por teléfono e polas redes sociais.