O meu tío Pepe Varela Núñez, naceu o 1 de novembro de 1946 en Cuíña e morreu no 2010. A súa familia non tiña demasiados cartos e vivía do agro, tampouco había traballo, así que decidiu emigrar. Antes de marchar para Londres, aos 27 anos, traballou en Bilbao nos Altos Fornos, pero grazas a uns amigos que eran veciños del en Cuíña , e xa vivían en Londres, el puido marchar para alá en avión. Pediu algúns cartos prestados para a viaxe e contounos que se tivese os cartos necesarios para volver, xa tería volto no primeiro mes porque non se afacía. Co tempo encontrou traballo como chef nun importante restaurante en Londres e mesmo saíu ás veces nalgunhas revistas. Alí coñeceu a Gilma, a súa muller, nativa de Colombia, grazas a uns amigos de Porto do Son que tiñan en común. O nome da miña tía era Gilma del Socorro Mejía Carmona, pero ao casar con meu tío tivo que coller os seus apelidos, xa que estaban en Gran Bretaña.
Tiñan un piso en Londres, nos Crawley Gardens.

Para o meu tío, a emigración influíu positivamente na súa vida, aínda que ao comezo custoulle moito adaptarse , porque non sabía o idioma. Cando se adaptou estivo bastante contento en Londres, conseguiu formación profesional e aprendeu un novo idioma, e tamén conseguiu que algunhas persoas de Londres aprendesen detalles sobre a gastronomía española e galega. Ás veces, ao restaurante no traballaba ían algúns famosos de Londres, e mesmo algúns membros da casa Real, entre eles os príncipes Harry e Carlos.
José volveu a Galicia no 1996, para converter a casa familiar, chamada casa Amadora de Melide (chamada así pola miña bisavoa Amadora, a casa na que naceron o meu pai e a miña tía maior) , situada no barrio da Bragaña, nunha casa de turismo rural para os múltiples peregrinos que pasaban por Melide. Ata entón, a casa Amadora era unha casa de aldea normal e Pepe transformouna pero ao estar descontento cos ingresos que recibía, tivo que volver a Londres. Contou, como anécdota, que mentres durmían unha vez el e a súa muller sós na casa Amadora, escoitaron ruidiños e resulta que había unha liria parida debaixo do colchón.

Cando xa estaba de novo adaptado en Londres, Pepe volvía todos os anos a Galicia a través do Eurotúnel. Normalmente volvía no verán e estaba aquí de vacacións. Volvía co seu propio coche, un Ford Capri vermello, deses coches ingleses co volante á dereita, e cando o conducía por aquí tiña que levar un copiloto ao lado para que lle indicara cando virar. Normalmente eran as miñas tías e o meu primo os que facían esta función cando eran pequenos. Cando o meu tío faleceu, meu pai tivo que vender o coche a un amigo seu, pero ao final, foi para chatarra.

A casa familiar de Melide que el converteu en casa de turismo rural
O coche do meu tío José
Pasaporte de José Varela Núñez, meu tío
Recortes de revistas británicas nas que aparece José no restaurante londinense no que traballaba.