Decidín facer o meu traballo sobre un irmán do meu bisavó, chamado Marcelino Rouco. Como xa non está vivo, a súa historia contouma unha neta e tamén unha filla desde Arxentina.
Marcelino naceu en Ourol, na provincia de Lugo o 2 de xuño de 1908. Fillo de Antonio Rouco e María Concepción Montero (quenes serían os meus tataravós). Foi o terceiro de sete irmáns, dúas irmás maiores ca el chamadas Dolores e Flora, dúas máis pequenas, María e Mercedes; e dous varóns tamén menores ca el que eran José (meu bisavó) e Antonio.
Criouse na fraga, un caserío rural con modestas e antigas casas, cada unha coa súa corte onde se gardaban os animais. Durante a súa infancia axudaba á súa familia cas tarefas do campo e asistía á casa dun mestre particular que lle ensinaba o necesario para saber defenderse na vida.
A medida que foi medrando, naceu nel o desexo de emigrar, pois aínda que a súa familia tiña boas terras para o cultivo e cría de animais, el pensaba que iso non chegaría para todos. A ameaza da temida guerra con África e os relatos dos paisanos que viñan de “facer as Américas” acabaron por decidilo. Foi un momento moi duro, deixar á súa familia, a súa terra natal… Pero a idea de ir traballar e logo volver cun pequeno capital amortiguaron esa dor. A súa idea era volver.
Cuba foi o seu primeiro destino. Seu pai, Antonio, acompañouno ata o porto da Coruña, era o ano 1926 e ese porto non tiña augas profundas; os barcos ancoraban lonxe da costa, había que ir ata eles en lanchas. Foi seu pai tamén quen o acompañou ata o barco. Durante toda a súa vida, Marcelino lembraría esta vivencia: el só, na cuberta e seu pai volvendo á costa saudándoo cos seus brazos en alto ata que o perdeu de vista.
No Spanish, buque de orixe inglesa, chorou toda a súa angustia, a tristeza era inevitable ante o gran paso que estaba dando. Despois de 15 días chegou ao porto da Habana, alí conectouse co Centro Gallego e conseguiu o seu primeiro traballo, nunha panadería chamada “El león de oro”; coñecía un pouco o oficio, pois na súa casa materna axudaba a facer o pan. Alí foise especializando na docería. A súa estancia na Habana foi moi agradable, xa que ademais de traballar duro, fixo bos amigos e o tempo foi atenuando a súa morriña.
Pensaba en ir a outro país, e comezou a ler prospectos que promovían a Venezuela, Colombia, e outros países latinoamericanos. Pero foi unha carta do seu cuñado Vicente García, que xunto cos seus irmás fundara unha casa de Ramos Generales nun pequeno pobo da Pampa Arxentina, a que lle axudou a decantarse por este país.
Así foi, despois de 2 anos en Cuba, saiu deste país rumbo á Pampa. Para iso decidiu atravesar a Canle de Panamá, obra que o impresionou, e desembarcou no porto de Valparaíso. O resto da viaxe fíxoa en tren. A medida que se achegaba ao seu destino, a paisaxe que se presentaba ante os seus ollos era totalmente desconcertante para él: un horizonte desolador, terras sen traballar, e un forte vento que non paraba de soprar. Pero tiña que seguir, Colonia Barón e as súas promesas de prosperidade estábano agardando.
É en Colonia Barón onde comeza a traballar na “Casa García” propiedade dos irmáns García; algúns deles xa volveran a Galicia pero aínda quedaban dous: María e José. Alí facía de todo, eran tempos moi difíciles pero había moito por facer. Coñece a moita xente; inmigrantes españois, italianos, alemáns, ingleses… Asiste a un colexio nocturno para aprender matemáticas e tamén observa a arte de negociar dos seus patróns.
No ano 1940 os irmáns García deciden vender o seu comercio, é o momento no que Marcelino xunto a dous compañeiros de traballo deciden comprar as accións dos seus patróns. Nace así a firma, García Gómez e Rouco nun primeiro de agosto. O primeiro dos socios é soriano e os outros dous, galegos. Os tres agardan un gran futuro.
Realmente nada era doádo, pero pero adicabanlle moito esforzo, afán e bágoas. As súas mulleres pariran alí, e naceron os seus fillos acriollados e desexosos de continuar coa procura da “América” tal como contan hoxe.
O 6 de setembro de 1942, Marcelino casa con Cleia Margarita Rosa, filla de inmigrantes italianos, compañeira inseparable ata o último momento da súa vida. Froito dese matrimonio son os seus dous fillos: Ana María (quen me axudou a facer o traballo desde Arxentina) e Ángel Antonio.
Despois de moito tempo desexando voltar a Galicia, en 1950 chega o soño tan anhelado. Marcelino volve á Galicia coa súa famila, despois de 24 anos. As cousas cambiaran, e moito. Seres queridos que xa non estaban, pero novos familiares por coñecer. Os seus irmáns casaran e desas unións naceran fillos, sobriños de Marcelino (entre os que estaba a miña avoa).
Despois de 8 meses de vacacións, volven a Arxentina. Marcelino lograra un dos seus obxectivos: que a súa familia arxentina coñecese e quixese como súa á súa gran familia galega. A partir dese momento as viaxes a Galicia fixéronse máis frecuentes. E eses lazos consolidáronse ata hoxe en día, xa que a súa neta, quen se estableceu en España, e miña nai son como irmás.
De novo na Pampa, van xurdindo sucursais no norte da provincia, operan con cereais, las e facenda, ademais tamén se incorporan novos socios que incrementan esta onda expansiva. En 1957 abre as súas portas a casa García, Gómez Rouco e Cía en Santa Rosa, capital da provincia da Pampa. A firma crecía e a operativa contaba cun numeroso persoal nas distintas tarefas. O seu desenvolvemento alcanza contornos realmente importantes e; alí estaba Marcelino, presidindo todo e traballando sen cesar ata os últimos anos da súa vida; non só na súa gran empresa, senón tamén en obras de caridade. El e os seus socios crearon un gran capital coa súa empresa. Xunto con outro grupo de españois, funda e preside o Club Español de Santa Rosa.
Marcelino tivo unha larga e bonita vida chea de éxitos, pero tamén de fracasos, pois no final da súa vida veu como a “terra prometida” ía cambiando. A corrupción chegou a estas terras e con ela a inestabilidade, o desemprego e a inseguridade.
Aos 97 anos de idade morre Marcelino, un 3 de xaneiro do ano 2006 en Arxentina. Todos os seus netos emigran a España no ano 2002, e todos os seus bisnetos son Españois, xa que naceron todos en España.