A historia de emigración máis próxima a min é á dos meus avós maternos, Francisco e Ascensión, que foron emigrantes en Londres na década dos sesenta. Eles, como moitas outras familias deses tempos, partiron na busca dunha vida mellor. É bo que a nosa xeración coñeza esta parte da nosa historia por que non todo foi como o vemos agora. Este relato é unha mirada atrás á vida dos meus avós. Nas conversas das xuntanzas familiares, meu avó sempre fai algunha alusión á súa estancia en Londres, a cal recorda con moito agarimo.

Cando falei cos meus avós para empezar a realizar o traballo comecei preguntando cal foi o motivo que lles fixo deixar o seu fogar e marchar, entón comezaron a relatarme a súa historia: casaron en Sigrás, A Coruña, no ano 63, sendo moi novos. Ao pouco tempo tiveron o seu primeiro fillo, o meu tío Paco. Nun entorno onde o traballo escaseaba e fillos de xente humilde (pero honrada, como diría meu avó) meus avós, como moitas outras persoas daquel entón, vironse na necesidade de emigrar.

Veciños, amigos e familiares seus estaban en Londres, dende onde lles escribían contando as súas vivencias. De aí que decidiran partir a esta cidade. Emprenderon a viaxe un 1 de outubro de 1964, deixando o seu primeiro fillo ao coidado dos meus bisavós. Saíron en tren da Coruña cara a fronteira francesa de Baiona, de aí a París, dende onde colleron o ferry para cruzar o Canal da mancha, e en Dover, collen outra vez o tren ata a estación Vitoria, en Londres. Chegaron a Londres cun contrato de traballo nunha residencia de maiores xudeus exiliados alemáns, onde a maioría dos traballadores eran inmigrantes: españois italianos...

Adaptaronse bastante ben aos costumes do novo país e apreciaron o gran desenvolvemento deste. Recordan con gran agarimo os paseos polos bonitos parques ingleses. Un ano despois a miña avoa quedou embarazada, polo que decidiron regresar á Coruña. Partiron cara Galicia, desta volta no barco Begoña, dende o porto de Southampton.

Nos anos 70 meu avó, despois de ter ao seu cuarto fillo, decide volver a Londres el só. Desta volta traballa nun restaurante en Piccadilly Circus. Aos poucos meses recibe unha carta da miña avoa onde lle comunica que unha das súas fillas está enferma. Outra vez, e xa de forma definitiva, retorna canda a súa familia.

Aínda que a experiencia da emigración non fora moi duradeira para os meus avós, esta os marcou e deixou unha forte pegada nos seus corazóns. Este traballo serviume para achegarme un pouco máis a eles, xa que, aínda que escoitara a historia outras veces non prestara a mesma atención. O traballo requiría que me involucrara máis detalladamente no relato, anos, feitos... Penso que foi unha moi boa e enriquecedora experiencia, tanto para eles como para min.

Pasaporte do avó
Voda dos avós
Pasaporte dos avós
Barco Begoña no que viaxaron os avós