En 1961 Ángel traballaba como vendedor nuns coñecidos almacéns composteláns, tiña un bo traballo e ben remunerado, mais como era unha persoa inqueda e moi activo culturalmente, tivo a idea de estudar inglés por correspondencia. Tendo 27 anos, inscribiuse nun encontro con Inglaterra que organizaba a Universidade de Santiago, e así foi como o 27 de maio do 61 ás 22.00 h da noite colleu o tren a Medina del Campo, logo até Irún, e despois até París para, finalmente, cruzar o Canal da Mancha. Así chegou á Estación Vitoria de Londres tras catro días de viaxe.

Empezou traballando nun restaurante lavando pratos e servindo mesas, mais axiña cambiou de traballo, pasando por varios hoteis. Naquela época había moitas posibilidades profesionais e con mellores condicións ca aquí, era doado cambiar de lugar de traballo, algo que fixo de forma moi recorrente. Pedir a conta e deixar un traballo para atopar outro ao día seguinte era do máis normal.

Ángel volvía cada ano e medio a Galicia, e nunha desas viaxes de retorno mercou un terreo. Así decidiu volver e construír unha casa, e deste xeito comezou unha nova etapa en Galicia como empresario da construción. Para el a emigración foi unha experiencia vital moi enriquecedora.

Foto 1
Foto 2
Foto 3
Foto 4